DÍA 04 - Lendas e contos / As tundas do corredor

AVISO!
No reto semanal por aulas cada persoa só pode saír dicindo unha adiviña.

Hoxe en Lendo a Agustín Fernández Paz...
As tundas do corredor grazas a Sara e Félix dende o CEP Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal.







AS LENDAS
Unha lenda é un relato tradicional de feitos fantásticos, que poden ter un fondo histórico pero que foi deformado e esaxerado co paso dos anos.
Velaquí tes unha mostra.


A Poza da Moura

Conta a lenda que en Domaio, parroquia do concello de Moaña (Pontevedra) vivía un mouro moi rico que tiña unha filla de gran beleza. Esta moza víase ás agachadas na Poza da Moura cun campesiño da zona co que o pai lle prohibira mocear. A moura desoía as ordes do pai pero un día este sorprendeunos. O pai, furioso, deulle morte ao mozo, e a filla, desesperada de dolor, guindouse á Poza da Moura na que se afogou. En lembranza do acontecido é polo que se lle chama a Poza da Moura e hai quen di que na noite da San Xoán a moza aparece peiteando os seus cabelos e que, ás veces, se lle escoita cantar.

OS CONTOS
Un conto é unha narración de feitos fantásticos e aventuras que se contan de maneira oral, para entreter, ou por escrito, como un relato literario breve.

Imos ver dúas variantes dun conto, e ides ver como

Ir aos figos, ás uvas, á arrasadeira…  pode converterse en aventura ou falcatruada.

A figueira de Pelostortos

Canto máis malo é o malo, mellor é o conto. Polo menos iso é o que pensan os nenos do CEIP Coirón-Dena, que son fanáticos da historia de Pelostortos, un ser malvado que está disposto a todo con tal de que non lle leven nin un só figo da súa figueira.



Xan de Branco
Contan que había un home chamado Xan, da casa de Branco, e a carón da casa había un pequeno horto no que salientaba unha gran figueira que na súa epoca botaba uns figos moi doces.
O Xan aínda que tiña sona de ter pouco brío, non puido soportar que dun día para outro desaparecesen os figos da figueira sen outra explicacion que as visitas que pola noite lle tiñan que facer algúns dos rapaces da aldea.
Foi por iso polo que decidiu poñer garda permanente á figueira, para o que colleu a escopeta de caza e con ela ao lombo subiu á figueira con intención de pasar alí o resto do día e tamén a noite.
Os rapaces, dirixidos por dous estudantes do lugar veciño, argallaron darlle un escarmento a Xan e para iso, cando se fixo noite pecha, reuníronse, provistos de sabas e velas, nunha capela antiga, abandonada desde o tempo dos mouros que había preto do lugar.
Alí agardaron ata que o vento, a friaxe e os ruídos da noite empezaran a afrouxar o ánimo de Xan. Cando viron chegado o momento, os rapaces botaron por riba deles as sabas, puxeron lume ás velas e saíron en procesión cara ao horto de Xan.
Xan ao ver vir aquelas luces talmente cavilou na Santa Compaña, e máis aínda cando escoitou as voces que saían dos procesionarios:
—Antes que eramos vivos comiamos destes figos!
Agora que estamos mortos andamos por estes hortos!
—Ánima cándida que vas na dianteira...
Cólleme a Xan de Branco que está na figueira!
Ao escoitar isto último, o Xan deixou caer a escopeta, tirouse da figueira abaixo botando a correr pra casa e meteuse nela cerrando e atrancando todas as portas.
Namentras, os rapaces tiraron as sabas ao chan e botáronse a rir brincando cos figos que quedaban na figueira; e alí, entre gargalladas, deron boa conta de todos eles.

Este conto foi recompilado da tradición oral por Fernando Vázquez González (A Coruña), en Friol (Lugo). 


Caixa dos Demachiños

Obra de Viki Rivadulla.

Os demachiños son trasnos, ou demos pequeniños, que andan polas casas revolvendo todo, cambiando as cousas de sitio... para tolear os humanos. As meigas gárdanos en caixas. A meiga que ten unha caixa dos demachiños ten un poder e un estatus especial entre as outras meigas.

RETO DÍA 04 (individual ou en grupo) - Tes que gravar un conto ou unha lenda realizando unha introdución na que indiques a súa procedencia (lugar de orixe) e a súa temática (de trasnos, de animais, etc.). Podes facer a gravación de xeito individual ou en grupo e que cada persoa interprete unha personaxe, como ti queiras.

Se non coñeces contos e lendas podes pescudar no portal Galicia Encantada ou na páxina Somos lenda viva.


Lembra que tes que gravar un vídeo.
O nome do arquivo deste reto é:
identificación_reto_04


ÁNIMO E A FALAR!!!! 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

E ti que dis?