Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións

Día 06 - Día de Rosalía e lembranzas dos 21DCG

Día de Rosalía

Hoxe é o Día de Rosalía, unha das poucas mulleres do mundo que encabeza a representación da literatura da súa lingua e ademais faino a través da poesía reivindicativa denunciando inxustizas sociais como o maltrato das mulleres e a emigración.

Se queres podes unirte á celebración do Día de Rosalía e agasallar cun libro galego e unha flor a alguén que queiras.

Como homenaxe á Rosalía feminista traemos aquí o poema "A xustiza pola man" onde denuncia a violación múltiple dunha muller por parte dos poderosos da vila e como os representantes da xustiza tamén a maltratan ao non defendela e finalmente non lle queda máis remedio que tomar "A xustiza pola man".


 
Este vídeo, que recibiu o Premio Olloboi de Animación 2015, foi realizado polo alumnado de debuxo artístico do IES As Barxas de Moaña coordinado pola profesora Luz Beloso.

Rosalía ten por mérito, entre outros, ter denunciado xa no seu tempo o fenómeno da emigración económica como unha forma de agresión contra o ser humano. Neste vídeo vemos como nun colexio irlandés homenaxean a Rosalía recitando "Adiós ríos, adiós fontes" para achegarse ao estudo da emigración que tamén sufriu Irlanda.


1. Cóntanos como vas lembrar ti hoxe a Rosalía.
Lembranzas dos 21 DCG
Levamos xa máis de un lustro con este proxecto. Aproveitamos para lembrar e agradecer as múltiples colaboracións e as actividades realizadas por todos os participantes ao longo destes anos.

2. Recoñecedes a alguén? E o lugar? Que cambios apreciades?





Día 21 - Caldo de Gloria / O segredo da illa negra

Hoxe en Lendo a Agustín Fernández Paz...
O segredo da illa negra grazas a María, Alicia, Iria, Noa, Ainoa, Sara e Paula do IES Perdouro de Burela.




Caldo de Gloria!!!


1. Como xa vimos onte, o venres 24 de febreiro faranse 180 anos do nacemento da nosa insigne poeta Rosalía de Castro, e nós queremos unirnos á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro para para celebrar o día de Rosalía. Este ano ímolo conmemorar facendo un “Caldo de Gloria” . Como podes ler no seguinte artigo:


Esta iniciativa está inspirada no poema de Rosalía ‘Miña casiña, meu lar’



Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.

Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
  
Neste poema a nosa poeta explica como facer un caldo humilde. Ensínanos como sobrevivir na vida diaria, onde se pode ser feliz sen ter case nada. Este caldo de Rosalía simboliza a épica dos humildes, a súa afouteza diante das adversidades da vida. E nós somos valentes, ousadas e ousados e non nos mete medo facer un caldo; porque “o que non quere unha cunca de caldo,  danlle dúas” ou se collemos a versión do refrán da zona sur de Galiza “o que non quere unha cunca de caldo, danlle sete”... ;)



Como boas galegas e como bos galegos non podemos deixar de celebrar unha festa sen unha boa comida, unha boa “paparota”, un manxar de deuses, o noso caldo.
Para facer o caldo podes empregar as instrucións que Rosalía dá no seu poema ou a receita entre moitas outras, que fai Picadillo xa en 1905. Pero seguro que podes facer o caldo como o fan na túa casa, porque quen non fai no inverno ou en calquera época do ano, na”miña casiña, meu lar” un bo caldo?
Despois de gozar de ten divino manxar, fai un vídeo onde nos indiques como fas ti ou fan na túa casa o caldo. Tamén podes compartilo nas redes sociais cos seguintes cancelos #CaldodeGloria #DíadeRosalía uníndote deste xeito á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro.

2. Parece que foi onte cando empezamos...
Xa sei que estades tristes porque rematan por este ano os 21 días co galego,  todo o bo dura pouco... Pero non vos preocupedes, porque para o ano haberá máis e mellor!
Como di o poema de Kavafis “Ítaca” agora xa sodes un pouco máis sabios e comprendedes algo máis dos significados das Ítacas. A moitas e moitos de vós xa vos soa este poema porque é o nome do blogue do noso compañerio, o profesor Xosé Fernández Maneiro, para o alumado de Xeografía e Historia do noso instituto.

 ‘Ítaca’
Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.
Aos Lestrigóns e aos Ciclopes,
ao irado Poseidón non temás:
nunca atoparás criaturas tales na túa ruta
se mantés  o pensamento elevado, se unha
selecta emoción o teu corpo e espírito ilumina.
Aos Lestrigóns e aos Ciclopes,
ao feroz Poseidón non acharás.
Non, se non é a túa alma a que os alberga;
non, se non é ela a que chos mostra.

Pide que o camiño sexa longo.
Que sexan moitas as mañás de estío
que -con que pracer e ledicia!-
te conduzan a portos nunca vistos;
detente ante os mercados fenicios
e adquire as mellores mercancías,
madreperlas, corais, ámbar e ébano,
e toda sorte de perfumes sensuais,
tanta variedade deles como atopes;
vai a moitas cidades de Exipto
e aprende canto poidas dos seus sabios.

E leva sempre Ítaca na túa mente.
Ela é a túa meta, o teu destino.
Mais non apresures nunca a túa viaxe.
É mellor que dure moitos anos
e recales na illa sendo vello,
rico de canto acadaches no camiño,
sen agardar que Ítaca te enriqueza.

Ítaca xa che deu tan fermosa viaxe.
Sen ela, nunca emprenderías o camiño.
Que máis pode ofrecerche?
E se a atopas pobre, non é que Ítaca te enganase.
Sabio como serás e con tanta experiencia
ben comprenderás o significado das Ítacas.
Konstantinos Kavafis
Tradución de Yolanda Vilarchao,
Editorial Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 2007.

Como vedes, neste poema identifícase a viaxe a Ítaca coa nosa propia viaxe, o noso camiño, a nosa vida. Kavafis comeza o poema deste xeito: 
“Cando comeces a túa viaxe a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
pleno de aventuras, pleno de experiencias.”

Isto mesmo é o que nós queremos, que a vosa longa viaxe, camiño, vida, estea chea de aventuras e experiencias que vos fagan máis sabias e sabios e que vos axuden a ter unha visión máis precisa e global do mundo e ao mesmo tempo de vós mesmos. Porque o importante é o camiño e o que aprendemos ao logo do seu percorrido. Esperamos que aprenderades moitas cousas sobre a nosa lingua e sobre moitas outras cousas... porque xa sabedes que: “día que non aprendo algo novo, día perdido”.
Aquí podedes ver o vídeo da  canción “Viatge a Ítaca” de Lluis Llach.



Reflexionemos sobre o xa feito.

- Como foi o día de hoxe?
- Como che foron os teus tres retos particulares.
- Xa van aló os 21 días co galego, crías que ía ir mellor ou peor?
- Cres que melloraches algo?
- Se tiveses que poñerte unha nota, cal sería?
Xustifica as túas respostas

E xa sabes,  continúa falando galego arreo!!!
É a túa terra, é a túa lingua!


O nome dos arquivos de hoxe son:


identificación_día_21_01 (para a actividade)
identificación_día_21_02 (para a reflexión)

Día 20 - Rosalía / O centro do labirinto

Hoxe en Lendo a Agustín Fernández Paz...
O centro do labirinto grazas ao xornalista e escritor Santiago Jaureguizar.





HOXE E SEMPRE ROSALÍA!!!



Hoxe imos renderlle homenaxe a Rosalía de Castro, e festexar por adiantado aquí nos 21 días á nosa escritora máis ilustre e universal, que foi traducida ás principais linguas do mundo (xaponés, inglés, ruso…) a pesar de escribir nunha lingua coma a nosa “minorizada”, pero non “minoritaria”. Orgullo de noso.










1. Ela “naseu cando as prantas nasen” un 24 de febreiro “nunha alborada mainiña” de 1837 e que mellor que realizar unha creación relacionada coa figura máis senlleira das nosas letras. Dámosche algunhas ideas:
- Versiona un poema.
- Crea un videopoema.
- Crea unha curta baseada nun poema.
- Crea un vídeo onde fales da importancia de Rosalía para nós e a nosa lingua.
- Crea un vídeo onde deas conta da súa vida e obra.
- etc.
A creatividade está nas vosas mans.

O nome do arquivo de hoxe é:

identificación_dia_20

Día 09 - Rueiros de literatura / Un tren cargado de misterios

Hoxe en Lendo a Agustín Fernández Paz...
Un tren cargado de misterios grazas a Diego Boquete e Adrián Boquete.



Estades preparadas e preparados?

Foto tirada de aquí.
Hoxe toca RETOOOOO!!!!

Como sabedes, a semana pasada aprobouse  chamar ao aeroporto internacional de Lavacolla en Santiago de Compostela ROSALÍA DE CASTRO. Así mesmo, a compañía aérea norueguesa Norwegian vai levar a imaxe de Rosalía nun Boeing. Esta decisión foi tomada porque querían homenaxear a nosa autora polo seu duplo papel pioneiro na “recuperación do galego” e na “emancipación da muller”.
Como vedes, podemos sentirnos orgullosas e orgullosos de nosa poeta e de nós mesm@s como galegas e galegos, que forman parte da lingua e da cultura que sempre defendeu Rosalía de Castro. Este ano cúmprense 180 anos do seu nacemento este 24 de febreiro, que mellor maneira de homenaxeala que lendo a súa obra.
Aquí tes unha ligazón onde podes ler máis información sobre a nosa grande poeta.


Foto tirada de aquí.

Así pois, hoxe o noso reto colectivo da semana vai ter que ver coa insigne poeta galega e coas nosas escritoras e escritores, porque temos moitos e moi boas e bos.
Como sabes hai moitos monumentos, rúas, prazas, comercios, etc. que levan o nome da nosa poeta, pero tamén temos outras moitas e moitos escritores que dan nome a outros tantos lugares. 


Foto tirada de aquí.

RETO SEMANAL COLECTIVO: procura algunha escritora ou escritor que lle dea nome a algunha rúa, praza, comercio, etc.  Fai un vídeo onde leas un fragmento da súa obra ao lado do seu nome.
Podes ver neste vídeo de Amancio Prada o poema musicado de "Airiños, airiño aires" de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Gañarán as clases que máis localizacións atopen e teñan máis persoas recitando poemas.



O nome do arquivo deste reto é:
identificación_reto_09_01
identificación_reto_09_02
identificación_reto_09_03, etc.
(Cada persoa nunha localización recitando vai nun arquivo diferente)