Día 21 - Dálle unha oportunidade ao galego na túa vida

MAR
As alumnas de 2º de ESO, Elena Sampedro e Marta Touceda interpretan a cantiga galega "Sedia-m'eu na ermida de San Simión" do trobador Mendiño.





Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas

Iria Picos Souto, alumna de 1º de ESO, recoméndanos a lectura de Esmeraldina, a pequena defunta, a novela de Ledicia Costas.




As solucións do Pasagalego de Bandaseca




Reflexión final

Este é o teu último día na experiencia no que toca facer valoracións persoais e globais destas tres últimas semanas. Gustaríanos que contestases estas preguntas e nos comentases calquera outra cuestión que consideres sobre a actividade.
1. Consideras que nestas tres semanas mellorou a túa competencia oral en galego? Xustifica a resposta.
2. En caso afirmativo, tería mellorado do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e danos ideas para mellorar.
3. Axudoute esta experiencia a coller soltura á hora de desenvolverte diante dunha cámara?
4. En calquera acción que emprendamos os logros relaciónanse directamente co grao de implicación. Valora o teu grao de implicación. Agora relaciónao cos teus logros. 
5. Cal foi o principal atranco que atopaches para falar en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, claro.
6. As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.
7. Consideras que estás en situación de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.
8. Se estivese na túa man continuarías con ela noutros cursos, modificaríala ou eliminaríala?
9. Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?
10. Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a resposta.

Despedida

E deste xeito chegamos ao final dos 21 Días co Galego 2018. Esperamos que teña sido para vós unha experiencia proveitosa e pracenteira e convidámosvos a que nos acheguedes as vosas ideas para novas propostas de dinamización lingüística ben directamente ou a través da nosa conta de correo normaliza.ies.pobra@gmail.com.

E despedímonos de vós coa voz poderosa de Mercedes Peón no tema O galego que non fala a lingua da súa terra que nos lembra a perda cultural que supón deixar de falar unha lingua. Por iso...


Dálle unha oportunidade ao galego na túa vida




Mercedes Peón............"De Seu" XII FESTA FOLK NA FIN DO CAMIÑO (FISTERRA)
O galego que non fala a lingua da súa terra non sabe o que ten de seu, non sabe o que ten de seu. Perdidiño polo mundo sen saber o que xa é meu, perdidiño pola vida, rexeita a súa lingua sabendo que vén de atrás, sabendo que vén de atrás da nosa xente querida ¡aínda hoxe falámola! Falámola naturalmente falamos como a nosa xente, non nos podemos queixar. O galego que non fala a lingua da súa terra non sabe o que ten de seu, non sabe o que ten de seu nin é merecente dela, galego da túa TERRA.

___________

*Despois das vacacións aproveitaremos para realizar a enquisa sociolingüística do noso IES, recibirás todas as instrucións necesarias a través do teu profesorado de Lingua Galega.